lunes, 7 de octubre de 2019

A memoria do mar, un soño realizado

A memoria oral, eco da voz que se perde no esquecemento, transformada en materia polo asubiar do cepillo, nas mans do carpinteiro de ribeira. Puír o soño de preservar unha cultura salgada en cada lasca do carballo e o piñeiro que sustentan a estructura do pasado.

Da necesidade, ao soño, a percorrer os montes, á selección das árbores, ao secado, ao esforzó colectivo. Crer, crer que pode materializarse. Ata as mans do mestre, á súa ferramenta. Zas, zas, zas. Cada cuaderna dalle forma, cada taboa retira o baleiro; xurden estrofas dun cantar que nos ensinaron na chabola ateigada de atadeiras.

A botadura do Piueiro é unha realidade para a recuperación desde o seu propio nome. Piueiro, unha palabra a piques de desaparecer (algo semellante a unha poutada), fermosa e única en si mesma, guardesa, irmán do piuveiro Povense. Catro vogais nunha sílaba (cuatriptongo?).

Navegará. Non foi concebido como peza museística, nin para hibernar aletargado nunha nave dun polígono abandonado. Navegará cos mariñeiros do noso pobo, cos nenos de Galicia, cos patrocinadores, e quizáis tamén, con turistas e peregrinos nun camiño por mar con cunchas de vieira sumerxidas.



Nace para visualizar o pasado, non de maneira nostáxica, senón para amosar unha perspectiva diferente de cara ao futuro para os máis pequenos. Honrar aos antepasados que co seu esforzó nos posicionaron no benestar que hoxe coñecemos.

Os volanteiros desapareceron do noso pobo a comenzos do século XX. Agora, un século despois, a roda de proa do Piueiro voltará a cortar as augas do noso Mar. Hoxe lembro ao meu avó, a Eliseo Alonso, a Valentín Paz Andrade nas súas conversas sobre historia do mar galego. Era moi meniño e apenas entendía porque aqueles homes falaban e loitaban por recuperar a nosa cultura. Hoxe tamén os honramos, e dalgún xeito, seguro que estarán presentes e emocionados.

Grazas a tod*s que fixeron posible que este fermoso soño, hoxe, podamos tocalo. Sin o alento de tódalas persoas que apoiaron dun xeito ou outro, ata un sinxelo sorriso, nunca sería unha realidade, quedaría nun eco da voz, que se esquecería no tempo.


No hay comentarios:

Publicar un comentario